Participamos na XIX Andaina de Outono do Barco de Valdeorras cunha sensación difícil de resumir: camiñamos, si, pero tamén fomos mirando arredor. Ao longo do percorrido apareceron, aquí e alá, os estragos dos incendios. E inevitablemente reparamos no que era e no que é, e reflexionamos sobre a natureza: a súa fraxilidade e a súa capacidade de volver empezar.
A proba ofreceu dúas alternativas, como xa é habitual: unha distancia curta de 15 km e unha distancia longa de 25 km. A saída foi conxunta ás 09:00 h, coa concentración desde as 08:30 h, e cun límite fixado en 350 participantes. O trazado estivo ben sinalizado e, durante a marcha, houbo controis polos que era obrigatorio pasar. Controis discretos, mesmo “segredos”, colocados en calquera punto do itinerario para garantir o seguimento do percorrido. Pero, por riba do esforzo, quedou tamén o outro: o do ambiente. Un ton festivo nun circuíto duro —como tantos este ano—, deses que non se regalan. A cambio, tivemos grandes vistas e a recompensa de atravesar paraxes que escaparon do lume, marabillosos, que lembran por que paga a pena volver unha e outra vez ao monte.
Entre o que ardeu e o que resistiu, entre o silencio e as risas, quedou unha certeza: camiñar tamén é unha maneira de comprender o territorio.
A participación do Club nesta cita enmárcase no Plan de actividades desenrolado no marco da subvención da Área de Deportes da Excma. Deputación de Lugo , dentro das liñas de apoio ao deporte na provincia en concorrencia competitiva ano 2025.


